A agricultura capitalista moderna en guerra contra os labregos do terceiro mundo
SAMIR AMIN (artículo publicado en ”A nosa Terra nº 1103, 6-12 novembro
2003“.***
A agricultura capitalista moderna, na que conviven explotacións privadas de grande escala e transnacionais do agro, está metida nunha guerra a ferro e fouce contra os labregos do terceiro mundo. O estampinazo para esta ofensiva deuno a xuntanza que a Organización Mundial de Comercio celebrara en Novembro de 2001 en Doha (Qatar) e o ataque xa ten producido moitas vítimas, sobre todo entre os labregos do Terceiro Mundo que representan a metade da poboación do planeta.
A agricultura capitalista,
organizada segundo os criterios do máximo rendemento do capital investido, ten
lugar case exclusivamente en Norteamérica, Europa, Australia e o cono sur de
América. Emprega só unhas poucas decenas de millóns de traballadores que xa non
se poden chamar labregos. A causa do nivel de mecanización e do extenso tamaño
das superficies de explotacións atendidas por un só granxeiro, a súa
produtividade oscila entre unha e dúas mil toneladas de cereais por persoa
empregada.
Non pode ser máis agudo o
contraste desta realidade coa dos tres mil millóns de agricultores que viven do
seu trahallo sobre terras de labor que poden se clasificar en dous grandes
grupos: un deles participa dos beneficios da revolución verde e ten adubos,
insecticidas e sementes melloradas ao tempo que dispón de certo grado de
mecanización. A produción por agricultor e ano deste grupo está entre as dez e
as cincuenta toneladas de cereais. Na segunda clasificación están os labregos
excluídos das novas tecnoloxías que só chegan a unha tonelada de cereal por persoa
empregada e ano.
Antes de 1940, a relación entre
o segmento máis avanzado da agricultura mundial e o máis pobre era de 10 a 1.
Agora chega case a 2.000 a 1. Eis a proba de que de que o avance da
produtividade é ben máis desigual nas áreas da agricultura e a produción de
alimentos. A maiores, esta evolución provocou a redución a unha quinta parte do
que eran hai cincuenta anos os prezos do mercado da alimentación con relación
aos da industria e os servizos. A nova crise agrarista é o resultado deste desenvolvemento
desigual.
Na modernización sempre
coinciden aspectos construtivos, coma a acumulación de capital e o aumento da
produtividade, con aspectos destintivos, por exemplo a redución do traballo á
condición de obxecto de mercado, a destrución do equilibrio ecolóxico preciso
para a reprodución da vida e da produción ou a polarización da riqueza sobre o
globo. A modernización non deixa de integrar a algúns, a medida que os mercados en expansión
crean emprego e exclúen a outros que despois de perderen os seus traballos
no sistema precedente non se dan integrado nas novas listas de emprego. Na fase
ascendente, o capitalismo en expansión global integra a moitos e marxina a
outros. Hoxe, nas sociedades agrarias do terceiro mundo está a excluir moreas
de senté. Os recuperados son relativamente escasos.
No de hoxe, o principio de
libre mercado defendido pola OMC para os produtos agrícolas e a alimentación en
xeral significa que miles de millóns de agricultores que non están en
condicións de facer fronte á competencia están chamados a desapareceren no
brevísimo treito histórico dunhas décadas. Que vai ser dese mundo de pobres
entre os pobres e que hoxe pasa grandes apuros para se remediar? Aínda na
mellor das hipóteses dun crecemento sostido do sete por cento anual, o
desenvolvemento industrial a cincuenta anos bista non daría absorbido nin
sequera un tercio deste agrarismo en derribo.
En defensa da política de libre
competencia para a agricultura, a OMC argumenta que esta reconversión do campo
xa se dera na Europa e nos Estados Unidos nos séculos XIX e XX co resultado
dunha sociedade urbana industrial e postindustrial rica e avanzada, dotada
dunha moderna agricultura con capacidade para alimentar a nación e mesmo para
exportar excedentes. Por que non admitir que este modelo podería repetirse hoxe
para os países do Terceiro Mundo?
A proposta non contempla dous condicionantes
decisivos que fan imposibel a aplicación do modelo. No primeiro porque o actual
modelo europeo é a consecuencia de cento cincuenta anos de tecnoloxías
industriais de traballo intensivo mentres as novas tecnoloxías requiren moita
menos man de obra. Os recen chegados á industrialización dende o terceiro mundo
está obrigados á implantación de novas tecnoloxías para poderen competir no
mercado global. En segundo lugar. Europa beneficiouse neste proceso do
privilexio de poder expulsar os seus excedentes de emprego industrial ás
Américas.
Boa parte da esquerda non pon
reparos a tese de que o capitalismo resolveu con éxito o problema agrarista.
Así o di por exemplo Karl Kautsky no seu famoso A Cuestión Agraria escrito antes da I Guerra Mundial. Os
primeiros governos soviéticos asumiron esta idea que serveu de base á
modernización agraria mediante a colectivizacíón, con pobres resultados. O
importante e moitas veces ignorado é que o capitalismo resolveu o problema na
metrópole a costa de xerar un xigantesco conflito agrario na periferia do
sistema que só podía ter remedio no xenocidio.
Dentro da tradición marxista,
só o Maoísmo comprendeu a magnitude do problema. Os que cualifican ao Maoísmo
de desviación agrarista, revelan na súa propia formulación crítica que carecen
de capacidade analítica para comprenderen o imperialismo capitalista, que
adoitan reducir dentro do discurso xeral sobre o capitalismo.
“O capitalismo resolveu o problema na metrópole a costa de xerar un xigantesco conflito agrario na periferia do sistema que so podía ter remedio no xenocidio”
A NOVA CUESTIÓN DO TRABALLO A poboación urbana representa hoxe a metade
dos habitantes do planeta con aproxima damente tres mil millóns mentres o medio
rural ocupa a outra metade, por moito que a estatística non se ocupe moito
dela.
O
estudo dos datos sobre esta outra metade do mundo permitiranos diferenciar
entre o que chamaremos clases medias e clases populares. Na situación actual do
capitalismo, as clases dominantes quer dicer, os donos formais dos máis
importantes medios de produción e os directivos de empresa responsábeis do
rendemento desas propiedades representan unha fracción mínima da poboación
mundial aínda que a parte que lles corresponde no reparto da renda sexa
importante. A esta fracción incorporamos as clases medias, no sentido
tradicional do termo: non asalariados, donos de negocios pequenos e medianos e
cadros intermedios de empresa.
A
parte principal de traballadores dos segmentos modernos da produción fórmana
asalariados que ocupan as catro quintas partes da poboación urbana dos países
desenvolvidos. Esta poboación divídese alomenos en dúas categorías, cunha
extrema entre elas que é recoòecíbel para o observador
externo e intensamente vivida na conciencia dos individuos afectados.
Dunha parte están as que poderiamos
chamar clases populares estabilizadas, no sentido de que están relativamente
seguras dos seus empregos, gracias, entre outras cousas, a unha cualificación
profesional que lles confire a capacidade de negociaren coa patronal e están,
por conseguinte, organizados en sindicatos de capacidade dispar, segundo o
país. En todo caso, este sector ten unha capacidade política que é o cerne do
seu poder de negociar.
Están despois as clases populares
en precario nas que participan traballadores e traballadoras aviados pola
súa escasa capacidade para negociaren como consecuencia da súa escasa
cualificación, a súa condición de inmigrantes sen papeis ou a súa raza ou
xénero. Tamén incluímos nesta ringla aos non asalariados subempregados e aos
pobres con traballos ocasionais.
A partir da información de que
podemos dispor dos países ricos e de certos países do Sul (dos que extrapolamos
os datos) extraemos as proporcións
relativas de cadansúa das
categorías que vimos de explicar. Aínda que o centro capitalista ten só 0 18% da poboación do planeta, como, pola
súa parte, ten un 90% de poboación urbana, resulta que é solar dun tercio dá poboación
urbana do mundo.
As clases populares constitúen dous
tercios da poboación urbana do mundo mentres que subcategoría dos que están en
situación precaria ocupa dous tercios das clases populares en todo o mundo. Un
40% das clases populares no centro capitalista e o 80% das que están na
periferia, pertencen á subcategoria precaria. Noutras palabras: as clases
populares en precario representan (polo menos) a metade da poboación urbana do
mundo e moito máis aínda na periferia.
A transformación social que
caracteriza a segunda metade do século XX pode resumirse nun dato: a proporción
das clases populares en precario que era de menos dun cuarto da poboación
mundial e hoxe de máis da metade da poboación urbana global, un fenómeno de pauperización
que reaparece en escala importante noa centros do capitalismo avanzado.
Porque non hai máis acaído nome que
o de pauperización para definir a desestabilización urbana que significa
saltar, no tempo de medio século, de menos de 250 millóns de cidadáns urbanos
en precario a más de mil cincocentos millóns, nunha taxa de aumento que supera
tanto a expansión económica coma o aumento da poboación ou o mesmo proceso de
urbanización.
A nova lingua dominante non pode
ignorar este fenómeno, como o demostra a desiderata combatir a pobreza, lugar
común dos programas de goberno en en todo 0 mundo.
Claro que apresentan esta pobreza como un feito empírico, ora na crudeza das liñas
de pobreza denunciadas polos indicativos parciais da renda, ora
indirectamente por medio dos índices compostos (coma os de desenvolvemento propostos no Programa de Fomento das
Nacións Unidas), máis sen entraren nunca na lóxica ou nos mecanismos que
producen esta pobreza.
PORCENTAXES POR CLASES DA
POBOACIÓN URBANA MUNDIAL
|
Centro |
Periferia |
Mundo |
Ricos e clases medias |
11 |
13 |
25 |
Clases populares |
24 |
54 |
75 |
Estabilizados |
13 |
11 |
25 |
En precario |
9 |
43 |
50 |
Total |
33 |
67 |
100 |
Poboación (millóns) |
1.000 |
2.000 |
3.000 |
Samir
Amin dirixe o Foro do Terceiro do Mundo con sede en Dakar. De a pouco publicou
Espectros do Capitalismo, Crítica das tendencias Intelectuais Contemporáneas e Capitalismo
Obsoleto. A "Agricultura Capitalista Moderna en guerra contra os labregos do
Terceiro Mundo", aparecen
como artigo editorial no número de outubro pasado da Monthly
Review.
*** Nota: Esta traducción no se corresponde íntegramente con del artículo original de Samir Amin en Monthly Review, October, 2003: World Poverty Pauperization
&Capital Accumulations